Futuro de Indicativo Rotating Header Image

O proxecto FdI

O proxecto Futuro de Indicativo enmárcase na liña de accións creativas e socioeducativas que se veñen traballando no IES A Cachada dende o ano 2009, e no seo das cales vivimos a experiencia Francachadonia e Ciconi@ 2.0. A nós gústanos chamarlle o Clube do Antifás.

Con este novo obradoiro pretendemos estudar opcións para un futuro mellor, un futuro asentado no compromiso, a responsabilidade e a innovación.

Podes ver a planificación do proxecto neste enlace, pero resumindo:

Bloque 1: …Que hai baixo os adoquíns? (novembro e decembro)

Son moitos os momentos históricos nos que a xente se botou ás rúas a protestar por unhas condicións que consideraban inxustas. Neste bloque pretendemos achegarnos a eses intres, e desde esa óptica, entender cales son as causas polas que se loita hoxe no mundo: a vivenda, o emprego, a educación e sanidade públicas… Estudaremos cancións que simbolizaron as protestas sociais na historia, e compararémolas coas de hoxe. Visualizaremos documentais que nos acheguen conceptos económicos en linguaxe comprensible para nós, e coñeceremos algunha proposta de cine que tratara o tema da revolta social e as súas causas. Finalmente, analizaremos polo miúdo o noso entorno máis próximo: como está afectando a crise a Boiro? Que alternativas laborais está tendo a xuventude? Como se poderían mellorar esas alternativas? A colaboración co concello de Boiro, a través da Axencia Cultural Leña Verde, e con ONGD como ConTacto, facilitará este estudo. Froito da análise anterior compoñeranse os seguintes produtos: unha presentación sobre a presencia na historia da canción protesta; unha videoedición elaborada a partires dunha performance que desenvolverá o alumnado na rúa; unha “liña do tempo” montada sobre papel ó longo do corredor que conduce á Biblioteca, na que figuren distintos momentos históricos de descontento social e as particularidades do actual.

Bloque 2: Pesos a catro pesetas (xaneiro, febreiro, marzo)

Unha análise de economías solidarias e sostibles, da súa xestación histórica e dos principios democráticos de funcionamento das mesmas. Trátase de coñecer propostas laborais emprendedoras na nosa bisbarra e en Galicia para estimular a creatividade no eido da construción dun futuro económico viable. Mercede a un convenio co IGAPE, terá lugar un proxecto pioneiro en Galicia denominado “Campus eduEmprende”, no cal se buscará sondar os intereses do alumnado no eido laboral para logo traballar con el conceptos vinculados ó “emprendemento”, proceso que remataría coa visita a determinadas empresas con acreditado uso de prácticas democráticas (empresas previamente seleccionadas polo IGAPE). Serán produtos de traballo neste bloque os seguintes: peza audiovisual que testemuñe a actividade “Campus eduEmprende”; pequenos “spots” televisivos que promocionen certas actividades empresariais que o alumnado elexiu de Boiro; opcionalmente, terá lugar unha viaxe extraescolar neste período, no cal se traballarán os contidos do proxecto (emprendemento, sostenibilidade) e se documentará a través tamén dunha vídeoedición.

Bloque 3: A terra non nos pertence, nós pertencemos á terra (abril, maio, xuño)

Un achegamento ás formas de explotación da terra e o mar e á viabilidade futura das mesmas, profundizando en conceptos como transxenia, biodiversidade, selección de especies, mercado de sementes, explotación agromariña de países do terceiro mundo… En colaboración coa ONGD GreenPeace e outras entidades locais de desenvolvemento agrario e/ou agrícola (Reserva Mariña Integral de Lira, Centro de Formación e Experimentación Forestal de Lourizán, etc), estudarase in situ diferentes propostas de gran interese, e desenvolverase unha propia: horto escolar solidario. Remataremos o bloque elaborando unha serie de curtas de ciencia ficción onde se pescude nun posible futuro en consoancia cos acontecementos que se están a vivir actualmente.