Futuro de Indicativo Rotating Header Image

Resistencia pasiva

Dende hai uns meses pode escoitarse por parte dos nosos gobernantes que aqueles que expresamos publicamente as nosas discrepancias somos “o inimigo”.
Somos inimigos por opinar (argumentadamente)? por querer cambiar as cousas (construíndo)? por non agacharnos para falar (a quen nos queira oír)?
Así as cousas, resistir é ser coherente coas nosas crenzas. As que temos trala lectura e revisión de documentos críticos; tralas palabras de mestres sabios; tralo aprendido nas aulas públicas (que a nós, perdóeme señor ministro de Educación esta disgresión, parécennos útiles á sociedade española, e á galega tamén).
Pasivo: quen deixa que actúen sobre el sen ofrecer oposición. Pasivo era Man de Camelle, quen morreu de saudade cando o seu mar se tinxiu de vergoña e mentiras negras; pasivos foron Gandhi, Cristo, Mandela. Non sei se nós somos pasivos: xuntámonos cando ninguén nolo manda e reflexionamos, creamos, compartimos. Aprendemos e iniciamos camiños que outros andan con alegría. Saímos da caverna, que diría Platón.
Dentro duns meses, ofrecer “resistencia pasiva” será delito. Que será dos activos a partir dese día?

Un sistema que non admite críticas non é o noso sistema: non somos antisistema, o sistema é antinosoutros 🙁

Comments are closed.